Campionato provincial de Ourense de Percorridos de Caza “Xunta de Galicia”
Novamente o Campo de Tiro A Goberna Beariz acolleu, o pasado 27 de abril, a fase Provincial de Ourense de Percorridos de Caza “Xunta de Galicia”, todo un éxito de xornada deportiva que se desenrolou cunha propicia climatoloxía.
Este campionato contou coa organización da Federación Galega de Caza en Ourense e a esencial colaboración da Asociación Deportiva A Goberna Beariz e a Sociedade de Cazadores A Goberna Regueiro.
Un total de 100 pratos divididos en dous campos a duas voltas e que fixeron unha máis que atractiva tirada valorada moi positivamente polos tiradores que acadaron unha elevada porcentaxe de acerto no disparo.
Unha vez máis, o tirador coruñés Daniel Cebreiro García impoñía o seu dominio e obtiña o primeiro posto da clasificación xeral cunha destacada marca, escachando un total de 99 pratos. A prata foi para o tirador pontevedrés Daniel Domínguez Treinta cun total de 95 pratos derrivados. O bronce era para o tamén coruñés José Manuel Fernández Añón con 94 pratos.
O tirador da provincia de Ourense mellor clasificado na xeral, en cuarta posición, e polo tanto converténdose en campión provincial foi Francisco Javier Villanueva Dejuane con 93 pratos. O subcampión provincial era Carlos Misa Alonso con 89 pratos e Manuel Caramés Gorgal con 87 pratos obtiña o bronce.
En Senior o primeiro posto foi para José Ramón Sayar Domínguez cun total de 92 pratos. Coa mesma marca pero en segunda posición remataba Santiago García Bello e o mellor senior da provincia era Carlos Misa Alonso en terceira posición e 89 pratos.
O coruñés Antonio Castro Ferreiro foi o mellor clasificado en Veteranos. O subcampión foi Manuel Magide López con 80 pratos e o ourensán Eliseo Faraldo Fernández con 76 pratos foi o mellor clasificado da categoría na provincia en terceira posición.
O lucense Manuel Sánchez Bello foi o mellor dos máster cun total de 55 pratos escachados.
Este Campionato contou co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Proyecta Galicia e Mutuasport.