3 de outubro de 2025
A CAZA E O TIRO DEPORTIVO

A caza e o tiro deportivo aportan 180.000 millóns de euros ao ano e xeran 1,1 millóns de empregos en 30 países europeos

A caza, o tiro deportivo e os sectores vinculados xeran 180.000 millóns de euros anuais e máis de 1,12 millóns de empregos en Europa, segundo un estudo realizado pola Universidade de Urbino e presentado este martes no Parlamento Europeo. A análise abarca os 27 Estados membros da Unión Europea (UE), ademais de Noruega, Suíza e Reino Unido, e confirma o peso socioeconómico dun sector que supón o 0,99% do PIB europeo.

O estudo revela que Europa conta con 12,4 millóns de cazadores e tiradores deportivos, cuxo gasto anual alcanza cifras moi relevantes: 96.300 millóns de euros. En total, estas actividades, xunto cos seus servizos relacionados e cadeas de subministración, consolidan unha achega económica de primeiro nivel en todo o continente.

O informe pon de relevo a achega directa dos cazadores e tiradores europeos, así como o bo desempeño das industrias de armas de fogo e municións civís, que xuntas rexistran superávits comerciais de case 1.800 millóns de euros. En total, o estudo identifica máis dun milleiro de empresas e unha sólida rede de industrias auxiliares.

Durante a presentación dos resultados do estudo, a eurodeputada Isabel Benjumea subliñou a necesidade de que os responsables políticos “teñan en conta o gran valor económico e social da caza e o tiro deportivo”, mentres que Laurens Hoedemaker, presidente de FACE, celebrou que o informe “é unha gran noticia para os 7 millóns de cazadores europeos, porque confirma que a nosa achega á economía e á sociedade é maior do que reflectían estudos anteriores”.

O presidente da RFEC, Josep Escandell, valorou a importancia do estudo continental: “Por primeira vez recompílase e ponse en valor, cunha metodoloxía unificada, o impacto socioeconómico da caza nos distintos países europeos. Os datos son impactantes e mostran o gran peso que a actividade cinexética ten en Europa, especialmente en España, onde a caza xera máis de 10.000 millóns de euros ao ano e 199.000 empregos, segundo o informe de Deloitte para Fundación Artemisan. Isto dá idea da magnitude do movemento económico que se vería comprometido de aprobarse a proposta da Comisión Europea de prohibir o chumbo en municións nas condicións actuais e sen marxe á adaptación sectorial”.

Aínda que o estudo non analiza aspectos como a contribución da carne de caza ou os beneficios ambientais, abre a porta a novas investigacións que complementen esta visión económica con outros valores sociais e ecolóxicos.

Cifras crave do estudo sobre o sector das armas de fogo e as municións en Europa:

•    180.400 millóns de euros: valor anual do sector e sectores relacionados.

•    0,99 % do PIB da UE: cota do sector na economía europea.

•    1.127.214 empregados: emprego total xerado.

•    218 empresas de armas de fogo activas en Europa.

•    16.188 empregados que traballan en empresas de armas de fogo.

•    3.270 millóns de euros de facturación xerada polas empresas de armas de fogo.

•    193 empresas de munición en toda Europa.

•    10.822 empregados na industria da munición.

•    2.540 millóns de euros de facturación das empresas de munición.

•    1.360 millóns de euros de superávit comercial en armas de fogo.

•    399 millóns de euros de superávit comercial en munición.

•    637 empresas na industria de compoñentes de armas de fogo.

•    6.842 empregados na industria de compoñentes de armas de fogo.

•    938,7 millóns de euros en exportacións da industria de compoñentes.

•    40.023 traballadores en sectores auxiliares.

•    6.280 millóns de euros en facturación de servizos auxiliares.

•    5,8 millóns de cazadores en Europa.

•    6,6 millóns de tiradores deportivos en Europa.

•    48.800 millóns de euros en gasto anual dos cazadores.

•    47.500 millóns de euros en gasto anual dos tiradores deportivos.

Noticias relacionadas

Mantente informado

Política de cookies

Usamos cookies técnicas necesarias e, se o autorizas, cookies analíticas e de marketing. Podes aceptalas, rexeitalas ou personalizalas agora. Consulta a nosa política de cookies para máis información.