7 de setembro de 2026

A setter inglesa “Mia” foi a gañadora da Proba de Cans de Parada sobre Perdiz en Montaña

A Federación Galega de Caza na Coruña celebrou, o pasado sábado 5 de setembro, a quinta edición da proba de Cans de Parada sobre Perdiz en Montaña “Xunta de Galicia”. A competición disputouse nos Tecores societarios de “Eixil” (Cedeira-Cerdido) e “Ortegal” (Ortigueira).

A competición contou cunha ampla participación de 48 cans inscritos, divididos en dúas baterías de 12 parellas cada unha. A batería 1 foi xulgada por José Manuel Pallas e Manuel López (auxiliar), mentres que a batería 2 estivo a cargo de José Ángel Seco e Antón Moure (auxiliar), sendo Nuria María Fernández Folgueira directora da proba.

Cómpre destacar que, aínda que é unha proba realizada sobre perdiz salvaxe, o bo traballo da organización e dos guías permitiu que a maioría das parellas atopasen as esquivas perdices nos distintos “turnos”. O vento e as altas temperaturas marcaron a xornada e influíron no desenlace, tal como sinalaron os xuíces; aínda así, puideron verse actuacións de alto nivel, como reflicte a clasificación final.

Ao remate da proba, a directora deu a coñecer a clasificación sendo a mellor cualificada  a setter inglesa “Mia”, conducida por José Moure, que obtivo o 1º EXC EAC (Exemplar Altamente Cualificado). “Mia” competiu na batería 1 no decimo “turno”, onde os xuíces destacaron a súa excelente prestación e outorgáronlle a nota máis alta que se pode conceder nestas competicións. O segundo posto, logo dunha gran actuación, foi para o tamén setter inglés “Chester”, de Rubén Castro (2º EXC), seguido polo setter inglés “Frei de Piago”, propiedade de Edelmiro Leira, que acadou o 3º EXC. Pola súa banda, o mellor can novo cualificado por méritos foi “Paco de Bosende”, de Andrés Pena.

No acto de clausura, a primeira tenente de alcalde e concelleira delegada de Medio Rural, Parroquias e Deportes do Concello de Cedeira, María José Pernas Díaz, dirixiuse aos asistentes para amosar o seu apoio a estas competicións e ao sector cinexético en xeral. O evento foi pechado polo presidente provincial da FGC na Coruña, José María Álvarez Villar. Durante a entrega de trofeos, o gañador pediu permiso á organización para pronunciar unhas emotivas palabras e dedicarlle a vitoria a un amigo e compañeiro cazador falecido o día anterior.

Este Campionato contou co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Mutuasport e Arion.

Patrocinado por

Deporte Galego Mutuasport Arion

Noticias relacionadas

Mantente informado

Política de cookies

Usamos cookies técnicas necesarias e, se o autorizas, cookies analíticas e de marketing. Podes aceptalas, rexeitalas ou personalizalas agora. Consulta a nosa política de cookies para máis información.