O coruñés Rafael Rodríguez cos beagles “Moro, Nei, Nico e Nani” coroase Campión Galego de Coello
No día de onte, 26 de setembro, tivo lugar a edición número XXXV do Campionato Galego de Cans de Rastro sobre Coello “Xunta de Galicia”, proba organizada pola Federación Galega de Caza coa colaboración da Sociedade de Caza e Pesca A Venatoria de Bergantiños.
Este autonómico de coello disputouse baixo a dirección de José Moure e discorreu con máxima deportividade en terreos cunha boa densidade de caza. Os lances fóronse producindo nos tres campos distribuídos polos distintos cuarteis da sociedade, onde se foron desenvolvendo as diferentes prestacións por parte de todos os lotes participantes. Todos os equipos tiveron ocasión de levantar distintos coellos con diferente sorte que, ao cabo, marcarían a clasificación do campionato. Cómpre destacar a colaboración dos distintos membros da sociedade e, en especial, do seu presidente, Fernando Calviño Rumbo, e a implicación do tesoureiro, Arturo Pérez Magariños, para que todo saíse o mellor posible.

O coruñés Rafael Rodríguez Ures acadou o posto máis alto da clasificación cun total de 520 puntos, participando cun lote de beagles composto por “Moro, Nei, Nico e Nani“, obtendo deste xeito o campionato galego deste 2026.

A segunda posición foi para o pontevedrés Jaime López Castro, cun total de 494 puntos e un lote de beagles composto por “Asia, Lluvia, Lira e Aresi“.

Completou o podio o coruñés Daniel Bouzas Vázquez cun lote de beagles formado por “Rex, Sky, Tresor e Atos”, cos que sumou 455 puntos.
O premio ao Mellor Can da Proba foi para a cadela de nome “Lluvia”, propiedade de Jaime López Castro, cun total de 129 puntos.

A clausura e a entrega de premios estiveron marcadas pola choiva, o que obrigou a adiantar o horario previsto. No acto, o delegado cedeulle a palabra ao tesoureiro da Sociedade de Caza e Pesca A Venatoria de Bergantiños, quen agradeceu a todos a súa presenza e desexou que todos desfrutasen da competición, pechando cun berro final de “viva o rastro”. Tamén asistiron D. José Ramón Martinez Barbeito (1º tenente de alcalde do Concello da Laracha) e Dona Patricia Bello Canedo (concelleira de Cultura e Deportes do Concello da Laracha). Pola súa banda, o secretario xeral da xunta xestora da FGC, José Moure, tivo un agradecemento especial para o equipo de guías e para a Sociedade de Cazadores A Venatoria de Bergantiños, co seu presidente á fronte, pola cesión dos terreos e pola súa implicación e traballo no frutífero desenvolvemento deste campionato, destacando en especial o labor dos xuíces nesta competición.
Este Campionato Galego contou co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, Proyecta Galicia, Mutuasport, Touceda e Arion.
Patrocinado por