Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

Novas
Imprimir
DANOS, CULTIVOS E CAZA
A fauna salvaxe provocou arredor dun millar de accidentes de tráfico en Galicia durante 2009
28/9/2010

Durante o pasado ano en Galicia producíronse 2.000 accidentes de tráfico provocados por animais, dos cales aproximadamente a metade tiveron como protagonistas á fauna salvaxe. Durante o mesmo período, en España producíronse un total de 13.900 sinistros con animais, dos que un terzo corresponderon con especies domésticas de pequeno e medio tamaño, como gatos ou cans, e o resto con animais salvaxes ou gando “doméstico” como vacas ou cabalos. Estes datos foron facilitados esta mesma mañá polo Presidente da Federación Galega de Caza, José María Gómez Cortón, e polo Director Xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón Millán, no acto de presentación das xornadas técnicas “Daños, cultivos y caza” que se celebrarán en Santiago de Compostela o vindeiro sábado día 2 de outubro e que organizan a Real Federación Española de Caza e a Federación Galega de Caza.

No mesmo acto, García-Borregón deu a coñecer que no ano 2009 a Consellería do Medio Rural recibiu uns 5.000 avisos por danos en cultivos producidos por animais salvaxes, dos que 1.500 remataron en expedientes administrativos para o trámite de indemnizacións. En referencia a este tema, o Director Xeral de Conservación da Natureza destacou que “a solución ao problema non está, unicamente, nas indemnizacións por danos. É evidente que hai unha responsabilidade compartida entre cazadores, administración e usuarios dos terreos”.

Tanto o Presidente da FGC como o Director Xeral de Conservación da Natureza coincidiron en destacar a importancia dunha caza social e sostible como a que se practica en Galicia, para a regulación de especies con poboacións que, unha vez alcanzados niveis non sostibles, convértense nun problema. García-Borregón explicou que “a caza é fundamental para manter o equilibrio das especies” e fixo un “chamamento á responsabilidade dos Tecores para o cumprimento dos respectivos plans de ordenación cinexética”. Ambos solicitaron ao colectivo de cazadores que se implique na práctica dunha actividade cinexética sostible, seguindo as indicacións da Administración; en zonas onde se producen reiteradamente danos agrícolas e onde especies como o cervo, o corzo ou o xabaril contan con poboacións desmesuradas, que fan que cheguen a invadir terreos ata ese momento alleos a eles, provocando accidentes e graves perdas para a agricultura.

Xornada para analizar os danos causados polas especies cinexéticas

O acto de presentación, onde se fixeron públicos estes datos, está organizado pola Real Federación Española de Caza (RFEC) coa colaboración da Federación Galega de Caza (FGC). As xornadas técnicas, de ámbito nacional e que levan por título “Daños, cultivos y caza”, celebraranse o vindeiro sábado no Hotel Congreso (Teo).

Os danos consecuencia da expansión de especies silvestres estase a converter nun dos principais problemas para os cazadores e agricultores españois nos últimos anos. Por este motivo dende a Federación promóvese este encontro que pretende abordar con seriedade e rigor o tema, en aras dunha solución satisfactoria ou que alo menos minimice as súas consecuencias.

A actual lexislación en materia de caza, en vigor no estado español e as diferentes comunidades autónomas, responsabiliza de grande parte dos danos causados nos cultivos polas especies cinexéticas aos cazadores. Algúns dos danos máis comúns son os producidos na agricultura, a gandería ou os aproveitamentos forestais polos animais salvaxes obxecto de caza e que, salvo excepcións, son responsabilidade das sociedades de caza titulares do aproveitamento cinexético do territorio onde se producen ditos danos (en Galicia denominados Tecores). O segundo suposto, pero non menos importante, é o dos accidentes de tráfico causados polo atropelo das pezas de caza. Neste caso, froito duna cambio lexislativo na “Ley de tráfico y seguridad vial”, a responsabilidade derívase segundo a casuística do sinistro. Os supostos nos cales a responsabilidade recae nos Tecores son aqueles nos que os accidentes de circulación derívanse directamente da acción de cazar, e tamén os que se producen como consecuencia da falta de conservación do terreo acotado. O profundo cambio lexislativo non tivo as consecuencias xurisdicionais que cabía agardar, e a interpretación dos distintos maxistrados e xuíces non responde á reforma experimentada nos textos legais.

Estes son algúns dos supostos máis comúns nos que os danos producidos polas especies silvestres, que non pola actividade cinexética, son asumidos polos propios cazadores, quen ven nesta lexislación un sistema de responsabilidade non demasiado xusto. Por este motivo, coa organización destas xornadas a RFEC e a FGC pretenden analizar a situación buscando alternativas que ofrezan un sistema de responsabilidade máis equitativo así como as ferramentas precisas para minimizar os danos e acadar solucións que consigan por fin ao conflito existente entre os afeccionados á caza e aqueles que sofren as consecuencias negativas da existencia de animais salvaxes.

Con esta finalidade, as Federacións invitan a participar neste acto ás sociedades de cazadores, titulares de cotos, agricultores, técnicos e funcionarios relacionados coa caza e a agricultura. As conclusións extraídas deste encontro serán difundidas entre institucións, fundacións, administracións e persas relacionados co medio rural para avanzar na dirección adecuada ao obxecto de minguar un dos maiores problemas de caza e os seus afeccionados e, á sua vez, solventar un grande problema aos agricultores.

Programa da xornada

A xornada sobre “Daños, cultivos y caza” organizadas pola RFEC e a FGC, e que terán lugar no Hotel Congreso (Teo), darán comezo ás 10.00 horas coa intervención do Conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, que será el encargado de dar por inaugurado o acto xunto co Presidente da RFEC, Andrés Gutiérrez.

A continuación, varios xuristas participarán na mesa xurídica que, baixo o título “É posible un sistema de responsabilidade máis xusto”, analizará as perspectivas futuras para conseguir un marco lexislativo máis xusto coa actividade cinexética e coas persoas que a practican, á vez que útil para agricultores e gandeiros.

Seguidamente, será o turno para a mesa técnica “Experiencias e ferramentas para limitar os danos”, na que intervirán diferentes expertos do mundo da xestión ambiental e cinexética para expor os seus traballos e ideas tendentes a lograr que os danos producidos a terceiros pola fauna silvestre sexan mínimos.

Xa pola tarde, representantes da administración e de asociacións pertencentes ao mundo da caza e a agricultura debaterán na mesa social “Buscando solucións para minimizar o conflito” sobre o xeito máis idóneo de poñer fin a unha situación que prexudica tanto aos amantes da actividade cinexética como aos que sofren os danos das especies salvaxes.

O Director Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, Ricardo García-Borregón, será o encargado de clausurar o evento acompañado do Presidente da Federación Galega de Caza, José María Gómez Cortón.
 

 
Ver máis novas de
Competicións Federación Eventos Lexislación Medio Rural / Forestal
 
Máis novas nesta categoría

COMITÉ GALEGO DE CAZA
15/03/2024
Celebrado o Comité Galego de Caza que marca as pautas da vindeira tempada cinexética 2024/2025

FORO LOBO
12/03/2024
A protección e convivencia do lobo a debate en Lugo

A CAZA TAMÉN VOTA
07/02/2024
Ante os comicios autonómicos a FGC activa “A Caza Tamén Vota”

DISTINCIÓNS MÉRITO DEPORTIVO 2023
31/01/2024
Javier Nogueira e José Ángel Torres reciben as Distincións ao Mérito Deportivo 2023


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza