Volver ao inicio
Inicio Calendario Buscar Contacto

Novas
Imprimir
ACCIDENTES FAUNA
Ante un problema social, unha procura conxunta de solucións
12/11/2011

Ante as diferentes novas aparecidas nos medios de comunicación nestes días debido á irrupción da fauna salvaxe, cinexética ou non, nas estradas de Galicia, a sociedade galega atópase ante un problema na que todos os entes implicados deben de procurar solucións para mitigar ditos sinistros viais.

O incremento do número de accidentes de tráfico con animais salvaxes, preferentemente corzos e xabariles, son froito de varios motivos e non de un só. É de todos sabido que a muda de hábitat que sofre o monte galego na actualidade favorece o aumento de especies de caza maior en detrimento da caza menor. Unha maior densidade de corzos e xabariles é sinónimo de maior probabilidade de sinistros no asfalto. Esta muda de hábitat, aparte de favorecer a súa expansión demográfica, tamén favoreceu que estes animais busquen refuxio nos abandonados e impenetrables montes e serras galegas mentres que o alimento o teñen que buscar nas zonas baixas e normalmente poboadas onde se cultiva a terra e onde se atopan os viais de circulación. Este trasfego de zonas de refuxio e zonas de alimento incrementa o paso destas especies polas estradas asfaltadas.

A solución, sen dúbida, debe de chegar como consecuencia dun traballo en conxunto de tódolos entes implicados. Púidose entrever que nalgúns dos accidentes provocados por especies cinexéticas nas últimas horas, os cazadores foron nomeados como responsables de tales feitos. É de lei mencionar que, a actual lei de tráfico, xa fai responsables ás sociedades de caza cando os sinistros de circulación con especies cinexéticas son provocados pola acción directa de cazar, para elo, ditas sociedades soportan as elevadas primas do seu seguro de responsabilidade civil contratado para tal efecto. Pero, ao igual que ocorre nos danos que produce a fauna salvaxe na agricultura, é importante mencionar que “o cazador é parte da solución do problema e mitigador da causa”. Lembremos que cando se desenrola unha actividade cinexética sobre corzos e xabariles, as sociedades de caza está a facer un control poboacional sobre ditas especies. Un control dunhas especies das cales non son propietarios e baixo unhas pautas e cupos marcados pola Administración. Froito da acción da caza, ano tras ano na nosa comunidade capturáronse miles de corzos e xabariles. Se a día de hoxe se producen 5 sinistros diarios con estas especies, de non intervir a man do cazador estes números poderíanse multiplicar por 4, por 5 ou por X.

As sociedades de caza, co seu correcto cumprimento nos cupos de captura e sendo responsables de ditos sinistros pola acción de cazar, cumpren coa súa parte a unha posible solución ou mitigación do problema, pudendo extrapolar isto aos danos ocasionados na agricultura. É agora cando teñen que intervir o resto de implicados: administración, condutores, agricultores, Dirección Xeral de Tráfico e a sociedade en xeral, para procurar máis solucións ao problema.

O correcto valado dos viais de alta velocidade, autovías e autopistas, son imprescindibles, e xa foron varias as sociedades de caza que reclamaron o arranxo destes valados dos viais que se atopan nos Tecores afectados. Pasos subterráneos, barreiras de olor e luminosas, cultivos e alimentación alternativa, e proxectos pilotos con avances tecnolóxicos actuais que quedaron no esquezo e deben ser postos en escena de xeito inmediato. Así como o correcto funcionamento e limpeza dos marxes dos viais asfaltados e a súa sinalización para unha maior visibilidade destas especies polo condutor para evitar posibles accidentes. Con estes datos recollidos nos atestados levantados pola DGT en cada sinistros, na que aparte de extraerse a posible culpabilidade do condutor, ben sexa por velocidade inaxeitada, etc, tamén se observarán os kilómetros viais nos que se producen ditos sinistros e sobre os que haberá que facer unha rápida intervención.

Lembremos que a fauna salvaxe galega é unha riqueza da nosa sociedade, da cal todos somos beneficiarios e ao tempo responsables.

 

 
Ver máis novas de
Competicións Federación Eventos Lexislación Medio Rural / Forestal
 
Máis novas nesta categoría

CURSO FORMACION XUÍCES TIRO
15/04/2024
Celebrado o Curso de Formación de Xuíces e Árbitros de Tiro

COMITÉ GALEGO DE CAZA
15/03/2024
Celebrado o Comité Galego de Caza que marca as pautas da vindeira tempada cinexética 2024/2025

FORO LOBO
12/03/2024
A protección e convivencia do lobo a debate en Lugo

A CAZA TAMÉN VOTA
07/02/2024
Ante os comicios autonómicos a FGC activa “A Caza Tamén Vota”


Federación Galega de Caza  
Estadio Vero Boquete de San Lázaro, Porta 12 - 15707 Santiago de Compostela (A Coruña)  
Tlf: 981 562 777 / Fax: 981 562 779 / federacion @ federaciongalegadecaza.com 
Aviso legal | Política de privacidade | RSS | Mapa da web         © Federación Galega de Caza