O vindeiro sábado 13 de abril terá lugar a Asemblea Xeral da Federación Galega de Caza co novo texto cinexético como protagonista.
Un ano máis a Federación Galega de Caza convoca aos máis de cen membros do seu máximo órgano de representación para a xuntanza na que se debaten e aproban as liñas mestras de traballo da Federación durante os vindeiros doce meses.
O Salón de Actos da Secretaria Xeral para o Deporte, no Estadio Multiusos de San Lázaro, en Santiago de Compostela, será novamente o escenario escollido para repasar o último ano de xestión e preparar o vindeiro, a partir das 10.00h da mañá.
A aprobación das contas e da actividade federativa desenvolvida durante o pasado ano son algúns dos puntos da orde do día. As competicións tamén terán o seu necesario papel na xuntanza, pois establecerase o calendario e a normativa para a vindeira tempada deportiva cinexética; pero o foco de atención estará na polémica suscitada entorno ao Anteproxecto da nova Lei de Caza de Galicia sobre o que a FGC informará de tódolos pasos dados durante o último ano así como establece-la folla de ruta a seguir no caso de que as aportacións federativas no se vexan reflectidas no novo texto.
A FGC agarda unha asistencia masiva a esta xuntanza á que máis de cen asembleístas están convocados e case cincocentas sociedades de caza están invitadas a participar para achegar aos responsables federativos as súas inquedanzas e reclamacións.
em