O novo campión galego é o lucense José Manuel Fernández con Pirulo

Na xornada do pasado sábado 18 de xuño os amantes dos cans de rastro sobre xabaril tiñan unha cita no concello coruñés de Cabanas onde se disputaría a edición número XXI do Campionato Galego de Cans de Rastro Atrelados sobre Xabaril.
Os máis de 30 monteiros clasificados nos seus campionatos provincias, Copa Galicia e o campión da edición anterior, achegábanse a Cabanas para gozar dun campionato organizado pola Federación Galega de Caza e contando coa colaboración da Sociedade de Cazadores de “O Castro de Cabanas”.
A boa climatoloxía xunto con campos moi homoxéneos onde tiveron lugar a fase clasificatoria e final fixeron o goce de participantes e do público que seguiu a proba dende primeira hora da maña.

Foi o monteiro de Lugo José Manuel Fernández Fernández co seu can “Pirulo” o que chegaba a Cabanas como actual campión Provincial da modalidade, e a súa participación non defraudou, quedando primeiro no seu campo na fase clasificatoria e primeiro na fase final cun total de 240,5 puntos converténdose no novo Campión Galego de Cans de Rastro Atrelados sobre Xabaril. O vixente campión de España da modalidade, Francisco Rodeiro Eiras acadaba o subcampionato e medalla de prata co seu can “Rato” cun total 229,0 puntos. O monteiro José Manuel Barreiro Rivadas, de A Coruña, realizaba unha participación que o colocaba en terceira posición da clasificación final coa súa cadela “Brisa” con 192,5 puntos.
A estes tres primeiros clasificados súmanselles os monteiros Luis Iglesias, Salvador Sestelo, Francisco Romero e Manuel Rodeiro completando así a Selección Galega que representará a nosa comunidade no vindeiro nacional da especialidade.
Organización, autoridades, xuíces, participantes e público desfrutaron dun extraordinario xantar que tivo a súa guinda na entrega de premios os primeiros clasificados.