Mikel Álvarez con “Lasy” gañador do provincial ourensá en Porqueira

Campionato Provincial de Ourense de Caza Menor con Can
No Tecor de Porqueira desputouse unha nova edición do Campionato Provincial de Ourense de Caza Menor con Can. Novamente foi a Federación Galega de Caza en Ourense a que correu ca organización de dita proba que, coma sempre, contou coa inestimable colaboración da Sociedade de Cazadores de Porqueira.
Os diferentes cazadores acompañados dos seus respectivos cans e xuíces tentaron buscar os lances cinexéticos sobre as especies cazables permitidas. Lances que se produciron con bastante continuidade durante toda a xornada e mostra delo foron as altas cotas de capturas entregadas en control.

Foi o cazador Mikel Álvarez Soriano coa cadela “Lasy” o que obtivo o primeiro posto e o título de campión provincial ao chegar ao control cunha puntuación de 1.000 puntos. Con 860 puntos en segunda posición remataba o cazador Jaime Pintos Davila que participou coa cadela “Hidra de Pasarín”. O bronce era para Iván Álvarez Pena o cal, grazas ao traballo do seu can de nome “Suri”, entrou no control con 800 puntos.
Este campionato provincial contou co patrocionio da Secretaría Xeral para o Deporte, Mutuasport e Arion.
