Chega setembro e ábrese o prazo de inscrición aos Cursos de Formación da Federación Galega de Caza 2026
A Federación Galega de Caza activa a súa aula virtual da Escola de Caza para convocar os cursos de Formación de Caza, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Os cursos están dirixidos a directivos das sociedades de caza, responsables de cazarías, xestores cinexéticos, gardería, estudantes, administrativos e, por suposto, a cazadores en xeral que desexen adquirir coñecementos tan importantes no eido da formación de responsables de sociedades de caza, prevención e seguridade na práctica cinexética, enfermidades da fauna cinexética, saúde alimentaria e xestión dos residuos non comestibles.
Os cursos estarán dispoñibles no campus virtual da FGC, as 24 horas do día e os 7 días da semana, desde o día 1 ata o día 25 de outubro. Durante este período os alumnos poderán conectarse á formación dende calquer punto de Galicia e nas datas e horarios que máis se adapten ás súas necesidades, tendo na derradeira semana o exame final.
Cazador non perdas esta oportunidade de coñecer os entresixos da xestión interna e administrativa dunha sociedade de caza. Se para ti a seguridade na caza é o primeiro e non queres levar sustos no monte adquire coñecementos sobre os primeiros auxilios que poden salvar vidas a compañeiros. Rematada a xornada de caza temos que facer un aproveitamento das pezas abatidas polo que inscribíndote a este Curso de Formación saberás facer un correcto manexo da carne de caza para o seu consumo seguro.
A matrícula é aberta e gratuíta, formalizarase enviando a escola@federaciongalegadecaza.com o boletín de matrícula dispoñible na web escoladecaza.gal ou en calquera das sedes da FGC. O prazo de matrícula remata o 18 de setembro.
Apúntate!
Descarga boletín de inscrición
